Os meus dez
compromisos

Galiza é un gran País e temos un futuro prometedor por diante se o afrontamos con ambición e cun proxecto colectivo de modernización e transformación que incremente o benestar e a igualdade.

Por iso quero contarvos aquí os meus 10 compromisos de goberno, para abrir unha nova etapa e para poñer en marcha unha Galiza en grande.

1. Reforzar os
servizos públicos

Hai que poñer no centro das políticas a vida das persoas e non deixar a  ninguén atrás. Para logralo, poñeremos en marcha un Plan de Rescate de Atención Primaria, medidas para reducir as listas de espera en cirurxías e probas diagnósticas e dotaremos a Atención Primaria de psicólogos e psicólogas clínicas. Na educación, aprobaremos no primeiro consello da Xunta a gratuidade dos libros de texto para o curso 2024-2025 e ademais, garantiremos o servizo de transporte e comedor para o alumnado do ensino obrigatorio.

2. Poñer Galiza a producir e xerar emprego de calidade

A creación de emprego de calidade será unha das grandes prioridades do goberno do BNG, con medidas como a posta en marcha dun Plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial para incrementar en 8 puntos o peso da industria no PIB e xerar 12.000 postos de traballo en sectores estratéxicos da industria galega até 2030.

Tamén lle daremos un impulso ao medio rural e costeiro, mobilizando 100.000 hectáreas de SAU e cun Plan de protección, saneamento e rexeneración das rías.

3. Unha economía da ciencia e da innovación

Impulsaremos o Pacto galego pola ciencia co obxectivo de alcanzar un investimento do 3% do PIB en 2030 co obxectivo de alcanzar un investimento do 3% do PIB en 2030,  e cunha aposta decidida pola retención, captación e retorno de talento a través do Innogal.

4. Loita contra a emerxencia climática e poñer a enerxía ao servizo da sociedade.

Poremos fin ao modelo enerxético depredador cun novo modelo enerxético ao servizo do país e respectuoso co medio con medidas como a creación dunha Empresa pública de enerxía, unha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz a familias e empresas, a creación  de  comunidades enerxéticas e o fomento do autoconsumo, tanto domiciliario como industrial.

5. Máis autogoberno como garantía de benestar

Impulsaremos a transferencia de 35 competencias pendentes, abriremos unha negociación co Estado para un novo sistema de financiamento e impulso dunha nova proposta de status político para Galiza que nos permita ampliar a capacidade de decisión dos galegos e galegas.

6. Novo modelo de mobilidade e acceso á vivenda

Apostaremos polo ferrocarril como medio de transporte de futuro reclamando do Goberno central a modernización do ferrocarril e creando un servizo de cercanías nas áreas urbanas máis poboadas. Ademais, melloramos as frecuencias e liñas do transporte por estrada e crearemos unha tarifa plana de transporte intermodal por 30 euros ao mes. E en materia de vivenda, desenvolveremos un plan para mobilizar vivenda baleira e poñela no mercado a prezos limitados e duplicar as axudas ao aluguer, en particular para a xente moza.

7. Unha sociedade máis xusta, igualitaria e feminista

Traballaremos para avanzar na igualdade creando unha Valedora da Igualdade que actúe ante as discriminacións por razón de xénero. No ámbito laboral privado, incrementaremos os recursos de loita contra violencia machista e ningunha empresa que discrimine ás mulleres poderá recibir fondos públicos. Ademais, defenderemos unha sociedade na que cada quen poida amar, sentir e ser o que queira ser.

8. Máis apoio a lingua e cultura

Promoveremos un grande acordo nacional pola lingua galega, que consiga un consenso amplo de todos os axentes políticos, económicos e  sociais galegos para reverter a tendencia de perda de falantes que se vén dando na última década de forma moi acusada e os nosos creadores e creadoras terán un maior apoio da Xunta de Galiza.

9. Poñer Galiza no mundo

Incrementaremos a Cooperación ao desenvolvemento e poremos en marcha unha estratexia de cooperación con Portugal no económico, académico e nas infraestruturas priorizando a conexión ferroviaria de alta velocidade Vigo-Porto.

10. Rexeración democrática e defensa dos dereitos e liberdades

Empezaremos por darlle á cidadanía uns medios públicos independentes nos que a dirección da CRTVG sexa nomeada mediante concurso público. Repartiremos xustamente os recursos públicos, sen partidismos nin discriminacións e tamén defenderemos unha sociedade inclusiva, diversa e plural.