Coñecédeme
máis

Nacín en Airexe, na parroquia de Chorente, en Sarria, no ano 1977. Son a terceira de catro irmáns e recoñezo que sempre estiven moi apegada á miña avoa. Ela faloume sempre do respecto polas mulleres, do traballo, da discriminación e da importancia que eu “me fixera valer”. Neses anos gustábama ir á escola, sempre fun moi estudosa e confésovos que a día de hoxe aínda gardo as notas que me puñan os mestres de recordo.

Miña avoa faloume sempre do respecto polas mulleres, do traballo, da discriminación e da importancia que eu “me fixera valer”.

A miña conciencia política vén destes valores que me inculcaron na casa e dende moi nova tiven tamén conciencia de identidade e un sentimento de certa rebeldía contra a desigualdade e a discriminación. As persoas construímonos co tempo, pero, polo que me vin e vivín na miña familia, agora entendo que eu fun feminista dende cativa. Será por iso que non me resulta fácil poñerlle data ao inicio da miña traxectoria política, aínda que foi na etapa do instituto cando comecei a implicarme activamente e, quizais, onde naceu a miña vocación.

As persoas construímonos co tempo, pero, polo que me vin e vivín na miña familia, agora entendo que eu fun feminista dende cativa.

Neses anos coñecín xente que pensaba coma min, que tiña a este país na cabeza e no corazón, que quería actuar ante as inxustizas, e coa que decidín crear Galiza Nova en Sarria. Daquela xa sabiamos que eramos do BNG. Logo viñeron os anos de universidade en Santiago, que marcaron definitivamente o meu decorrer: as manifestacións contra a LOU, a guerra de Irak e, sobre todo, o desgarro interno que vivimos co Prestige, un momento que me marcou persoalmente pola dignidade do país, pola capacidade de reacción de todos os galegos e galegas.

Dubidei estudar Dereito, pero finalmente licencieime en Ciencias Políticas e da Administración. Dende 2012 son a portavoz do grupo parlamentario do BNG e aínda que nunca se me pasara pola cabeza que acabaría sendo portavoz nacional, en 2016 din un paso á fronte e asumín a responsabilidade.

Lembro cun sorriso cando, no seu día, miña nai me pedira que non me metera en política. Pero eu quería contribuír a mellorar o país, quería contribuír a mellorar a vida da xente. Así que mentres outras persoas estaban facendo os seus proxectos de vida, eu decidín aparcar os meus por esta vocación de servizo público. En xaneiro do 2020 naceu a miña filla Icía, da que aprendo cada día e, seguramente, a aventura máis divertida e fascinante que vivín ata o de agora.

Lembro cun sorriso cando, no seu día, miña nai me pedira que non me metera en política. Pero eu quería contribuír a mellorar o país, quería contribuír a mellorar a vida da xente.

Hoxe, con máis forza que nunca e máis preparada que nunca, presento a miña candidatura á Presidencia da Xunta para construír, con vós, esa Galiza mellor que queremos e merecemos. Porque o que sigo querendo é mellorar a vida da xente e estou convencida de que, entre todos e todas, imos a conseguilo a partir deste 18 de febreiro.

Polas que xa estiveron e fixeron camiños antes que nós, polas que o estamos facendo agora e polas que virán. Por todas.

#AMellorGaliza está aquí!