Sen sanidade pública non hai dereito á saúde

A sanidade pública é unha das grandes conquistas sociais, pois fainos iguais ante a enfermidade e garante o dereito á saúde das persoas con independencia dos recursos económicos. É un dos elementos de cohesión e benestar social máis importantes e un sinal de progreso social e equidade. Non en van a sanidade pública é un dos elementos do estado de benestar máis apreciado pola cidadanía. Pero unha década de recortes e privatizacións teñen conducido á sanidade pública a unha situación límite que pon en risco o dereito a saúde dos e das galegas.

Os recortes matan! Denunciaron con toda a súa indignación as e os enfermos de hepatite C. Os recortes matan! Tivemos ocasión de comprobalo no tráxico incidente do PAC da Estrada, no que unha persoa falecía nos corredores dun centro de saúde por falta de atención médica na Galiza de 2018. En sanidade non se pode facer máis con menos, cada euro conta, cada profesional aporta.

A revolta contra os recortes e privatizacións de Feixóo está en marcha: dimisión colectiva do 80% dos xefes e xefas de servizo dos centros de saúde da Área sanitaria de Vigo, mobilizacións permanentes de profesionais dos servizos de urxencias hospitalarias, persoal dos centros de saúde en pé de guerra pola precariedade e falta de medios, mobilización de profesionais e usuarios fartos das consecuencias da política de acoso e derribo á sanidade pública.

Pero o presidente da Xunta, nunha irresponsable fuxida cara adiante, fai ouvidos xordos e persiste na súa estratexia de recortes e privatizacións, e nega a denuncia que están facendo desde os profesionais, ás persoas usuarias, o sindicatos, as asociacións profesionais e expertas. O presidente da Xunta, en modo de Profeta da postverdade, ante o malestar crecente e as mobilizacións constantes afirma que a sanidade nunca estivo mellor. Pero trabúcase porque as súas mentiras e soberbia non teñen credibilidade.

Di Feixóo que a sanidade nunca estivo mellor pero as listas de agarda non fan máis que medrar. Di Feixóo que sanidade nunca estivo mellor, pero cen mil galegas e galegos non toman medicinas que necesitan porque non as poden pagar. Di Feixóo que sanidade nunca estivo mellor, pero medrou a precariedade laboral. Di Feixóo que a sanidade nunca estivo mellor, pero hai menos persoal sanitario que hai unha década. Di Feixóo que a sanidade nunca estivo mellor, pero nunca antes dimitiran 25 xefes de servizo porque segundo as súas propias palabras “estivemos organizando as carencias da sanidade pública, pero non se pode organizar a miseria”

Desde a soberbia non se pode xestionar a sanidade pública dun país. Darlle as costas, facer ouvidos xordos e mesmo difamar aos profesionais que denuncian os efectos letais dos recortes sobre a sanidade pública non é a solución, nin tampouco converter unha comisión de investigación nunha fraude para exculpar ao PP e a Feixóo, silenciado as voces críticas que só buscan preservar o sistema público de saúde que tanto logrou conquistar.

Recortar dereitos adquiridos, poñer en perigo a saúde dos galegos e das galegas é un camiño que ningún gobernante responsable debería percorrer, e Feixóo debe desandar ese camiño. O BNG ten a man tendida para blindar a sanidade pública. Para empezar, urxe que a Xunta de Galiza teña vontade de rectificar unha política que vai en contra do dereito á saúde. A diagnose está feita, é o momento das solucións. Solucións que deben de ter en conta ás e os profesionais, teñen moito que aportar.

En segundo lugar, a Xunta ten que reverter os efectos dos recortes e das privatizacións, empezando pola parte máis damnificada, a atención primaria, que pese a ser a porta de entrada ao sistema hoxe esta nunha situación de miseria. Neste sentido, o BNG propón unha inxección de 200 millóns de euros adicionais para un Plan de Mellora de Atención primaria e garantir que todos os PACs do país teñan, o persoal médico que necesitan, baixo criterios obxectivos e consensuados. Nunca máis un falecemento nun centro de urxencias por falta de persoal sanitario. E, como terceira proposta, máis persoal e estabilidade: cubrir as 5.000 prazas vacantes do Sergas a través dunha oferta pública de emprego que dea estabilidade aos profesionais e recuperación dos e das profesionais perdidas pola taxas de reposición impostas. Serían os primeiros pasos da necesaria e urxente rectificación que Feixóo lle debe aos galegos e as galegas en materia de sanidade pública.

Se continúas navegando das o teu consentimento para a aceptación de uso cookies e a aceptación da nosa política de cookies ACEPTAR

Aviso de cookies