Acabar coa estafa da AP-9

AP-9 estafa BNG Partido Popular PSOE

AP-9 é un exemplo de estafa legalizada e do papel discriminatorio que o estado asigna a Galiza. Permítideme só tres datos datos para exemplificar porque falamos de estafa:

  1. Os galegos e galegas levamos pagados 2.300 millóns de euros en peaxes. Os investimentos para construír e conservar a AP-9 sitúanse nuns 1.400 millóns de euros. Polo tanto, non só está amortizada, senón que ten un beneficio neto de 900 millóns de euros.
  2.  Pagamos máis peaxes por viaxar desde A Coruña a Vigo con 130 kilómetros, que desde A Coruña a Madrid, con 510.
  3. Temos os segundos salarios máis baixos, pero pagamos unha das peaxes máis caras do Estado e de Europa.

Desde o BNG levamos anos denunciando este abuso e agravio a galegas e galegos, e pensamos que chegou o momento de dicir basta! Por iso puxemos en marcha unha ofensiva social e institucional para conseguir a transferencia da AP-9 e poñer fin ás abusivas peaxes.

En 2015, o Grupo Parlamentar do BNG, rexistrou unha proposición de lei reclamando a transferencia a Galiza e a nacionalización da AP-9. Fixémolo no Congreso e no Parlamento Galego. En 2016, o PP votaba en contra nas Cortes españolas, pero a favor en Galiza. Un dobre xogo que caracteriza as forzas estatais: dicir unha cousa aquí e a contraria en Madrid.

O Parlamento galego aprobou definitivamente a proposición de lei de transferencia da AP-9 definitivamente 15 de marzo de 2016. A partir dese momento todo foi unha carreira de obstáculos. O máis sonado: o ilegal veto que o PP impuxo ao debate da proposición de lei no Congreso desde o ano 2016. Mariano Raxoi e Ana Pastor, coa complicidade de Feixóo, impediron o debate da a transferencia da AP-9 mentres nos subían as peaxes. Toda unha mostra de desprezo os galegos e galegas.

Mais era tan antidemocrática esta posición que o propio Tribunal Constitucional (!!) declara ilegal o veto que exercía o PP e temos a oportunidade de acabar con esta estafa. Só depende de vontade política.

Transferir a AP-9 é posíbel e legal. Euskadi e Cataluña conseguírono similares hai décadas. Nacionalizar a AP-9 é posíbel e legal. O estado acaba de facelo coas ruinosas radiais madrileñas. Non permitamos un novo agravio e discriminación a Galiza.

AP-9 galega e libre de abusivas peaxes!

Se continúas navegando das o teu consentimento para a aceptación de uso cookies e a aceptación da nosa política de cookies ACEPTAR

Aviso de cookies